CASTRO DE DOADE
A maxia de percorrer o camiño do corazón!
O único visitable con estruturas habitacionais consolidadas, compostas por varias vivendas circulares de pedra e pallabarro, dotado de paneis explicativos destas, así como do sistema defensivo, formado por tres fosos, totalmente estudados e baleirados mediante un corte transversal, e a muralla, tamén escavada, descubrindo os seus lenzos interior e exterior, así como o seu recheo interno.
XORNADAS CASTREXAS 16/17 DE NOVEMBRO 2019
Que é un castro?
Un castro é un poboado fortificado da Idade do Ferro. Están comprendidos entre o século IX a. de C. e I d. de C. Están situados en lugares elevados, polo xeral entre os 150 e os 500 m, de altitude e defendidos con unha ou varias murallas que rodean a superficie habitada. No interior destas defensas hai diversas construcións, unhas destinadas a vivenda e outras a celeiros, almacéns, alpendres etc.
O castro de Doade
Neste castro ata o momento leváronse a cabo seis actuacións arqueolóxicas nos anos 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019, que facilitaron un estudo moi completo deste, do seu período ocupacional (entre os séculos V/IV a. de C. e os séculos IV/V d. de C.), así como o achado e estudo de 17.122 restos arqueolóxicos mobles (sen contar as da última campaña, en fase de estudo), todos eles depositados nas vitrinas da sala de arqueoloxía e no almacén do museo etnográfico Casa do Patrón, a menos de 600 m de distancia do propio xacemento.