As intervencións arqueolóxicas neste xacemento, comezaron no ano 2015, cando o Museo Casa do Patrón adquiriu algunhas das parcelas que compoñen o Castro, ata unha superficie aproximada de 4.000 m2.
O primeiro que se fixo foi proceder a unha profunda limpeza de vexetación para deixar o elemento arqueolóxico á vista e poder proceder a futuras actuacións. Isto provocou unha especie de espertar da memoria popular, podendo documentar tanto experiencias co castro como unha serie de lendas que se xeraran ao seu redor ao longo dos anos e que permanecían durmidas baixo flora. Ademais diso, provocou un continuo ir e vir ao castro de veciños e veciñas interesados polos achados e polos resultados das escavacións, ou con ganas de colaborar nos traballos e a difusión dos novos coñecementos adquiridos.
Campaña 2015
A primeira campaña arqueolóxica desenrolouse do 15 ao 26 de xuño do ano 2015 promovida pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón, a Universidade de Santiago de Compostela e a Empresa de Arqueoloxía Argos S.A.S. S. L. O seu director foi Erik Carlsson-Brandt Fontán, baixo a dirección científica de José Manuel Caamaño Gesto.
Nesta primeira campaña o obxectivo era atopar evidencias de zonas habitadas dentro do Castro, e os resultados non puideron ser mellores: localizouse unha vivenda circular de pedra, preto da zona da muralla, ademais de restos da mesma muralla e dos seus reforzos interiores, podendo documentar esta parte tan importante do sistema defensivo. Localizáronse tamén varias estruturas de material perecedoiro identificadas grazas aos buracos de poste.
Practicáronse 4 sondaxes de 4×4 metros con unha superficie total escavada de 64m2, dous deles no sector da muralla para ver a súa composición, e comprobar a existencia de edificacións asociadas e os outros dous na zona central en busca de estruturas habitacionais. Unha vez rematado o proceso de escavación, o tapado faise con material xeotéxtil utilizado como separador e sedimentos de terra procedentes das propias sondaxes.
Neste ano 2015 puido identificarse un lugar de habitación representado por unha vivenda circular de 6 metros de diámetro aproximado localizada nas inmediacións da muralla do castro e un pequeno muro a uns 50 cm da vivenda que correspondería á cara interior da muralla, actuando como contención da mesma.
Ademais constatouse unha maior coñecemento sobre o castro: que se sitúa sobre un afloramento de xistos que serviu tamén de aproveitamento de materiais e puido influír nun principio na escolla do sitio como lugar para vivir por parte dos seus habitantes e unha cronoloxía aproximada para o castro de entre fináis do século IV a. C. ate o século I d. C., grazas á información que proporcionaron os materiais recuperados, especialmente os cerámicos.
Campaña 2016
No ano 2016 leváronse a cabo dúas campañas. Unha primeira de investigación propiamente científica a través da universidade dende o 9 de maio ao 1 de xullo do 2016 e unha segunda promovida directamente pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón que tivo lugar do 6 ao 20 de xuño. Neste ano ampliouse a escavación da cabana circular que aparecera no 2015, conseguindo escavala completamente. Fíxose unha prospección xeofísica á Aurela do Castro para comprobar se existían máis unidades habitacionais. Unha vez rematado o proceso de escavación, comezaron os primeiros traballos de restauración-conservación dos restos e as estruturas para poder musealizalos in situ. Ao igual que as campañas anteriores, foi dirixida polo arqueólogo Erik Carlsson-Brandt Fontán baixo a dirección científica de José Manuel Caamaño Gesto e Pedro Manuel López Barja de Quiroga.
As escavacións encamiñáronse a ampliar a sondaxe de 4×4 do ano anterior para descubrir a totalidade da vivenda castrexa e a continuar a escavación na zona da muralla que alcanzou unha profundidade superior aos 3 metros. Este ano realizaríanse dúas probas de carbono catorce para a obtención de datacións absolutas que deron a posibilidade de afinar a cronoloxía e ampliar ata o século II d. C. a ocupación do castro. Encontráronse evidencias dunha segunda vivenda máis pequena e que semellaba ser anterior á vivenda circular grande.
Estas campañas de 2016 foron as máis prolixas en materiais arqueolóxicos, con un total de 9.163 pezas concentradas na zona considerada de habitación. As máis salientables foron o achado dunha peza cerámica completa –unha ola de barro- que se encontrou depositada in situ. Para a súa retirada contouse con un técnico de conservación restauración, xa que se encontraba moi feble e bastante fragmentada. Baixo os seus últimos residuos achouse unha nova peza cerámica que se encontraba no orificio circular onde debería encontrarse o seu pe, como se de maneira intencional se utilizase esta peza para tratar de cerrala. Prodúxose tamén o achado de dúas fíbulas de bronce, na segunda parte das campañas deste ano, que tamén se encontraban fragmentadas e que ao igual que a ola, foron obxecto dun proxecto a maiores de restauración para a súa conservación e exposición no Museo.
Campaña 2017
En 2017, tivo lugar unha cuarta campaña dende o 8 de maio ao 9 de xuño de 2017, promovida pola Asociación da Amigos do Museo Casa do Patrón. A dirección correu a cargo da arqueóloga Vanesa Trevín Pita coa dirección científica o mesmo profesor José Manuel Caamaño Gesto un ano máis.
Na campaña 2017, continuouse a ampliación da área principal, con catro novas cuadrículas, acrecentando o espazo xa musealizado nos lados Este e Oeste da estrutura habitacional cumprindo obxectivo de localizar na súa totalidade unha segunda estrutura circular, ademais de descubrir a presenza de novos elementos construtivos no entorno da vivenda circular. Practicouse tamén unha sondaxe na perturbación detectada pola prospección xeofísica que permitiu documentar un dobre foxo no exterior do castro, en contacto co derrube da muralla. Estes traballos foron acompañados tamén dun proceso de restauración e conservación dos restos e as estruturas, para unha futura musealización in situ. Os materiais continuaron en consonancia coa intervención anterior. Á espera de novas análises de C, continuamos a movernos entre o século II a. C. e I d. C.
Campaña 2018
A campaña 2018 levouse a cabo entre o 14 de maio e o 16 de xuño promovida como cada ano pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón, baixo a dirección de Vanesa Trevín Pita e a dirección científica de José Manuel Caamaño Gesto.
Para a campaña 2018, fíxose unha primeira fase de prospección con xeorradar, e posteriormente unha apertura de sondaxes derivadas das conclusións de dita prospección na nova parcela na que está permitido intervir, co fin de localizar a entrada orixinal do castro para logo practicar sondaxes na zona.
Non se cumpriu o obxectivo da localización da zona de entrada, máis púidose documentar o lenzo interior da muralla e ata dous niveis de uso. O primeiro deles asociado á súa construción, e o segundo asociado ao paso habitual de persoas por esa zona, non podendo documentar sen embargo se se trata dun camiño de acceso ou simplemente dunha zona de uso asociada á muralla.
Fíxose tamén unha ampliación da área aberta, con dúas novas sondaxes que complementaron a comprensión do conxunto xa escavado. Como novidade, puido documentarse un nivel de uso posterior ao derrube da muralla, asentado posiblemente nunha estrutura de material perecedoiro, grazas ao cal podería chegar a constatarse unha reocupación máis tardía do Castro de Doade. Isto vese reforzado pola documentación doutro nivel de uso presumiblemente asociado á mesma época, na zona do foxo.
Os obxectivos foron cumpridos adecuadamente, chegando a documentar un novo nivel de uso do castro, ademais de aumentar a visión xeral das defensas do mesmo, podendo xa chegar a facer unha interpretación adecuada das mesmas mesturando a información que nos dan as
sondaxes arqueolóxicas coa observación aérea das marcas de crecemento diferencial da vexetación.
Os materiais encontrados amplían a cronoloxía dende finais do século II ata polo menos inicios do século IV de C.
Campaña 2019
Recolléronse un total de 87 bolsas de material. A maioría correspóndense con elementos procedentes de vaixelas cerámicas. Tamén se acharon outros materiais en cantidades moi inferiores, como restos líticos e metálicos e vidro.
A meirande parte dos materiais correspóndense con cerámica da Idade do Ferro.
Ao igual que en campañas anteriores, aínda que os primeiros niveis estaban alterados polas actividades agrícolas, profundizando en niveis selados, temos certo grao de coherencia cronolóxica que nos permite falar de contextos típicos da IIº Idade do Ferro: pezas sobrias, xunto coa presenza de decoracións pertencentes á tradición do Miño e destacando tamén presenza de materiais de uso común e de cronoloxía romana.
Gran presenza de vaixelas formadas por cerámicas de uso doméstico e produción local. Preferentemente olas de tamaño medio, pero destacan tamén exemplares de maiores dimensións, destinados a almacenaxe.
As olas son preferentemente globulares, presentando bordos exvasados principalmente caracterizados por perfís facetados ou aristados, que presentan gran variabilidade e multitude de subtipos. Así mesmo aparecen, cunha menor abundancia, cerámicas de bordos simples exvasados. A maior parte destas cerámicas carecen de decoración, contando unicamente cun tratamento superficial da peza mediante a técnica do bruñido, a presenza de espatulados, ou mesmamente de cepillados que lles confiren un determinado acabado.
Algúns dos bordos facetados presentan indicios da presenza de torno rápido, cun tratamento técnico moi coidado, aparelladas á presenza romana, o que nos achegaría con probabilidade ao cambio de era (s. I a.C. – I d. C.).
A presenza de decoracións é moi reducida nas pezas encontradas respecto os números xerais, posto que a meirande parte delas carece de elas ou sinxelamente conta cun tratamento superficial moi sobrio. Principalmente atópanse tres grupos concretos: decoracións plásticas, estampilladas e incisas. As decoracións plásticas aparecen case exclusivamente representadas por cordóns ou reforzos no corpo das pezas. Os exemplares incisos atópanse monopolizados por motivos acanalados paralelos tanto en dirección horizontal como vertical. Destacamos algún exemplos que poderían corresponderse a cerámicas similares aos modelos achados en Castromao. As pezas estampilladas
correspóndense case na súa totalidade a motivos da tradición Miño, representado por representacións de círculos concéntricos, abanicos con múltiples combinacións, medallas, así como formas triangulares.
O salientable desta campaña foi a aparición dunha peza metálica, concretamente de bronce que se pode corresponder con unha fíbula, e unha peza de ferro que recorda a un regatón, que apareceu asociada a cerámica da Idade do Ferro, máis nunha unidade estratigráfica de derrube e escorrentía, polo que non podemos precisar que teña a antigüidade sinalada. Polo demáis, o resto de elementos metálicos foron moi escasos e atópanse en moi mal estado, ao igual que na campaña anterior, varios fragmentos de ferro, como cravos de dubidosa cronoloxía, presumiblemente modernos, etc…
A espera dunha análise máis pormenorizada dos elementos, podemos sinalar que a razón pola cal a campaña deste ano non foi prolífica en materias correspóndese a que non se escavou na zona propiamente habitacional, senón noutro tipo de estruturas.
En canto aos materiais líticos, destacamos o varios fragmentos de muíños de granito e xisto, tanto naviculares como circulares, así como mans de muíño, alisadores, a partir de cantos de río, pesos de tellado, etc, aínda que ao non encontrarnos en zonas de vivenda, non foron tan prolíficos como en campañas anteriores.