O castro de Doade ou castro de Penedo é popularmente coñecido como a Aurela do Castro e está situado no extremo setentrional dunha lomba, preto da ruptura de pendente cara ao val do río Asneiro, a 100 m do lugar de Penedo e Taín, e a 250 m da aldea de Codeseda, parroquia de Doade. As súas coordenadas UTM (ETRS89-Fuso29) son 570.775-4717.617 e atópase situado a unha cota máxima de 544 m.

Tanto a súa coroa, coñecida como a Aurela do Castro, coma o antecastro circundante foron destinados a pastoreo do gando e uso agrícola dos veciños, que utilizaron a zona central e a parte occidental da coroa como canteiras para arrincar a pedra destinada á cimentación e construción de casas e valados dos lugares máis próximos.

Trátase dun típico castro de ladeira, con cambio de pendente: na súa parte alta, contén dobre foso escavado na rocha nai, que separa o terreo do antecastro da súa a Aurela ou coroa, e na parte inferior consta dunha gran muralla ou terraplén a carón do cambio de pendente, que acada gran altura na súa cara norte.

Na parte sur do castro tamén se localizou outro foso de grandes dimensións a uns 40 m de distancia da muralla.

O castro posúe un único recinto de forma tendente á circular, cun eixe interior E-O duns 100 m e preto de 120 o do exterior. No seu eixe norte-sur mide uns 95 m o interior, e uns 105 o do exterior. Ocupa unha superficie, como xa mencionamos, lixeiramente inferior a unha hectárea. O seu perímetro está delimitado por un terraplén construído artificialmente cara ao sur e isto crea unha terraza aproveitando un afloramento rochoso situado no centro do castro. Cara ao norte adquire un gran desenvolvemento en altura (máis de 7m) ao coincidir coa escarpa cara ao val do río. Actualmente non se detectan evidencias dun foso delimitando a parte sur, pero a fotografía aérea mostra crecementos desiguais dos cultivos, polo que non se descarta a presenza de varias estruturas deste tipo. Na parte occidental, a partir da fotografía histórica, parece que podemos situar o acceso orixinal (hoxe en día accédese tamén dende o sur), lugar onde se realizou unha explanación de parte das defensas do castro para favorecer os cultivos agrícolas.

A intervisibilidade dende a Aurela destaca pola visión doutros tres castros: o de Ludeiro-Vilatuxe (a 2,7 km), o de Vilanova (a 1,7 km) e o de Costoia (a 3,5 km). Tamén son visibles a práctica totalidade dos lugares de Doade, Vilanova e Soutolongo, e parte da parroquia de Botos. Ao redor do castro rexistrouse abundante folclore relativo á presenza de varias lendas dos mouros e tradicións que mencionan a aparición de trabes de ouro, recollidas grazas á recompilación oral realizada dende o museo Casa do Patrón.