Despois dun intenso traballo, rematamos unha réplica que reproduce fielmente a primeira gran casa castrexa localizada no castro de Doade, que data do século IV a. de C. Trátase dunha vivenda circular de 6 m de diámetro, con piso de barro compactado, paredes de pedra de 2,70 m de altura e teito de palla longa de centeo, soportado por unha armazón de madeira de castiñeiro, asentado nun poste central e nas propias paredes da construción, que será utilizada polo museo para mostrarlles aos escolares e ao público en xeral o xeito de vida dos nosos devanceiros castrexos mais próximos.
Na Casa do Patrón, pensamos que é este o mellor xeito de rememorar a vida de hai 25 séculos no interior e na contorna das vivendas do castro de Doade, facendo todo tipo de demostracións e obradoiros con esta finalidade.