Para garantir a súa protección, a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia contempla que os materiais arqueolóxicos recuperados nas intervencións do patrimonio, deben ser depositados nos museos asignados a tal efecto. Normalmente os Museos Provinciais. Nesta ocasión, Casa do Patrón fixo os trámites necesarios para que legalmente, todas as pezas recuperadas do Castro se poidan depositar no propio museo da entidade, ofrecendo a oportunidade de visitar o Castro e as propias pezas recuperadas no mesmo lugar, podendo desfrutar así do discurso expositivo completo.
Tras facer o estudo de materiais, as pezas máis relevantes e que nos axudan a comprender o pasado do Castro e a evolución do seu poboamento, son expostas na chamada Sala de Arqueoloxía. O resto de pezas son almacenadas agardando que algún investigador se interese nelas.
Unha vez estudados e recollida a información, escóllense os materiais que dan unha maior información sobre o Castro e os que poden contribuír mellor á construción da súa historia e a comprensión por parte dos visitantes, para seren expostos.
Para poder facelo, debe existir todo un proceso previo de conservación-restauración, realizada baixo un criterio arqueolóxico e didáctico que permita a transmisión da información que os arqueólogos puideron obter da peza, aos visitantes do museo.