A Contorna Natural Biosaudable “Entre Ríos”

Esta obra é a culminación da primeira faseda mellora e restauración da contorna de Codeseda e Os Muíños, que comezamos no ano 2.000, co deseño dunha ruta de sendeirismo, a restauración integral dos muíños de “A Ponte” e “Entre os Ríos”, e da “Forxa de Pepe”, sita no lugar de Os Muíños, continuando no ano 2.007, coa restauraciónexterior completa do lugar de Codeseda, e finalmente co montaxe desta contorna natural biosaudable.

Acometemos un estudo medioambiental completo da xeoloxía, flora e fauna da contorna e análise das augas do río Asneiro e da Fonte do Baño, realizado e asinado por persoal titulado da facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, ó abeiro do convenio de colaboración que temos asinado con este Organismo. Significar que este área estivo incluída no Plan Margall Ulla da Xunta de Galicia, no marco do programa da Unión LIFE + da Unión Europea, para a recuperación das poboacións da náiade ou mexillón de río Margaritifera (Linneo 1785) e do desmán ibérico, tamén coñecido como toupa de río (GalemysPirenaicus (Geoffroy 1.811), realizado na conca do Ulla á que pertence o Asneiro. Estas dúas especies, en serio perigo de extinción, tan só sobreviven nos ríos con augas moi claras de baixa contaminación, como é o caso do noso río á altura desta privilexiada contorna.

A superficie total do complexo ascende a 1.800 m2,distribuídos nunha zona alta, dedicada a aparcadoiro complementario do Museo, con capacidade para 5 autobuses, tamén destinada a área de lecer, por estar dotada de peche vexetal e unha solaina ou balconada de madeira, que permite contemplar o resto da contorna, así como o pozo negro, fermoso meandro formado polo Asneiro na entrada da Praia de Branco, constituíndose no verdadeiro “Miradoiro do Asneiro”, cunhas panorámicas únicas.

Aproveitamos a pendente natural anexa, á que podemos acceder mediante rampla ou escaleiras practicables, para construír un merendeiro, con mesas e bancos de madeira, papeleiras, etc. á sombra dos numerosos carballos que contén.
Na Praia de Branco, sita entre a ruta de sendeirismo e o río, a ras do seu leito, fixemos un recheo cunha lixeira pendente, para evitar o arrastre dos 200 m3 de terra vexetal que lle aportamos, cun peche perimetral de madeira, converténdoa nun “solario natural”, para goce dos visitantes.

Ao outro lado do río, xa na parroquia de Vilanova, á altura do lugar dos Muíños, completamos os bancos e mesas de pedra colocadas na primeira fase, con randeeiras, grellada, papeleiras, peche protector na curva do pozo negro, dotándoa tamén de luminarias de baixo consumo, sitas en farois, alimentadas pola enerxía xerada por unha placa solar autónoma, que permite a súa utilización a caída do Sol, e mesmo pola noite, facilitando a visión nocturna dos muíños, da ponte de Os Muíños e do curso do Asneiro, ó seu paso polo recinto.

Procedeuse á limpeza xeral da zona, así como á poda ordenada das numerosas árbores, que ademais da agradecida sombra, lle proporcionan á contorna a maxia do soutobosque galego, aportándolle así unha maior cantidade de luz solar e incrementando o campo visual dunha paisaxe tan orixinal.

Toda a zona foi sinalizada mediante “paneis informativos”, con datos do Museo e con abundante información das especies animais e vexetais máis representativas da contorna, como son: a troita, a garza, a toupa de río, o mexillón de río (estas dúas últimas en vías de extinción), o ameneiro, o bidueiro, o freixo, o dentabrún, etc.
Estamos orgullosos de converter esta zona, antes moi abrupta e totalmente abandonada durante décadas, nunha paraxe singular de gran beleza e valor paisaxístico e medioambiental, único na Comarca de Deza, que ademais da gran obra realizada, ten o aliciente de estar atravesada polo río Asneiro, a Ruta homologada de sendeirismo do Castro de Doade (PR-G210), a da Casa do Patrón, o Museo da Paisaxe e Camiños do Deza (Ruta dos Cabaleiros), resultando un excelente nexo de unión e sinal da mellor convivencia posible entre os pobos veciños de Os Muíños e Codeseda, cuxos poboadores son os primeiros en gozar dos seus servizos, constituíndo un fantástico complemento da Casa do Patrón, da que forma parte esencial, ó igual que o Castro de Doade.