O sistema defensivo da “Aurela do Castro”: os fosos e a muralla.

Estes traballos permitiron determinar o formidable sistema defensivo deste castro, mediante o estudo da muralla coas caras interior e exterior de pedra, unidas por numerosos recheos consecutivos de escombros de máis de seis metros de ancho, que supera os sete metros de altura na súa cara norte, que lle aportaban unha gran solidez.

O gran tamaño do derrube descuberto de pedra da muralla, parece indicar que puido acadar os dous ou tres metros de altura sobre o chan da Aurela.
Atopáronse tamén os cimentos do contraforte interior da muralla, semellantes aos das outras escavacións existentes, para reforzar a liña interior do de contención desta, a base de pedras fincadas e dunha posible empalizada de material perecedoiro asentada sobre elas, para asegurar a súa resistencia, que explicaría a funcionalidade deste elemento construtivo, cunha reforma para retirala uns 80cm. cara a dentro, facéndoa máis estreita e utilizar o espazo obtido para a construción dunha vivenda de maior tamaño na zona habitacional lindeira.

Descubríronse e consolidáronse os restos da cara do muro de contención interior da muralla. Consolidouse e documentouse, na medida do posible, o lenzo exterior da muralla na súa zona occidental, a máis arrasada polos traballos agrícolas, na que pensamos que se atopaba a porta orixinal de entrada ao recinto, que contén dous niveis de uso máis recentes: un asociado á súa construción e outro asociado ao paso habitual de persoas (camiño de acceso ou zona de uso vinculada á muralla).

No antecastro, xunto á muralla apareceu un dobre foso circundante, totalmente escavado na rocha nai, que consta de dúas cavidades: unha de 1,65 m. e outra maior de 3,75 m. de profundidade, que o fan realmente impresionante e orixinal, sendo o único de Galicia con estas características.

Na campaña do 2018 localizouse un segundo foso defensivo, máis afastado da muralla, a uns 40 m de distancia da súa cara exterior, de colosais dimensións (8 m de ancho e 5,30 m de fondo) totalmente escavado na rocha nai, con dúas canles de drenaxe no seu fondo para facilitar a saída de augas, para evitar a súa inundación, que posteriormente foi enchido con varios niveis de terra e colmatado por un nivel de uso e un bancal, ambos os dous da época romana.

No ano 2.019, procedemos a escavación e baleirado dun 3º foso defensivo, de 3 m. de profundidade, situado no medio dos dous anteriores, a uns 25 metros da cara exterior da muralla, tamén recheado posteriormente con terra e colmatado por un bancal romanizado.

Cabe apuntar que, segundo indican as franxas de vexetación (crop marks) que presentan as fotos aéreas, podería incrementarse este número de fosos, que aparentan formar un auténtico labirinto na zona sur do antecastro.